Finlandesa, 23 anos. Naceu e criouse en Lapinlahti, unha pequena vila da zona central do país escandinavo. É loira, aínda que iso non é algo estraño sabendo de onde procede. Chámase Emmi Kääriäinen. Non é famosa nin tampouco gañou o Nobel. Simplemente estuda Linguas Romances na Universidade de Jyväskilä e quere ser profesora. A priori, non tería nada de especial se non fose por que Emmi forma parte dun dos mellores sistemas educativos do mundo. Nunha tranquila conversa por Skype, a nosa protagonista contoume (nun castelán máis que fluído) a través da súa experiencia como estudante e como futura docente as claves do éxito da Educación no seu país.

Os comezos. Unha fase vital

Como dicía, Emmi procede da pequena vila de Lapinlahti. Aos 5 anos pisou por primeira vez un xardín de infancia. Alí xogaba, cantaba cancións, debuxaba e facía as súas primeiras sumas e restas. Non comezaría a aprender a ler ata os 7 anos, xa na escola. A pesar de comezar nunha idade máis tardía que a maioría de países, os finlandeses están entre os primeiros en nivel de lectura e comprensión lectora. “En Finlandia apréndese a ler nun prazo medio de seis meses” cóntame Emmi mentres o anoitecer (son as 16.30 alí)  empeza a escurecer o seu cuarto.

Emmi aprendeu as materias de Matemáticas, lingua finesa, sueco, coñecemento do medio, arte, música e inglés sempre coa mesma profesora durante toda a escola primaria (dos 7 aos 13 anos), algo que se fai cun claro obxectivo: crear un ámbiente cálido e de confianza mutua. Para os finlandeses cada alumno é importante. Por iso  é  vital que os estudantes se sintan felices e cómodos. Emmi recorda con gran cariño a súa profesora do colexio. “Cheguei a chamarlle mamá máis dunha vez” confesa entre risas. As avaliacións e as notas non aparecen ata os 9 anos. O  reducido número de alumnos por profesor -non máis de 20- permite un control exhaustivo do rendemento de cada un deles. As habilidades especiais poténcianse e as posibles desvantaxes ou desordes na aprendizaxe atállanse e corrixense gradualmente grazas o labor de grupos de apoio. Desta forma, ninguén se queda atrás e evítase a estigmatización que supón repetir curso.

Dos 13 aos 16 anos os alumnos entran na segunda fase da escola obrigatoria. A formación diversificase e segmentase máis nesta etapa. As labores do fogar e as manualidades tamén forman parte deste proceso. Así garántese a independencia e a igualdade entre os alumnos e alumnas. Emmi pasou a ter un profesor por cada materia. Aínda que a relación era máis fría e distante, en xeral sempre fixo boas migas cos seus docentes. Lamenta que actualmente esta dinámica estea empeorando e que o traballo dos profesores se faga cada vez máis difícil.

A ensinanza secundaria, crucial para determinar o futuro do alumno

Emmi rematou a educación básica con moi boas notas e ante ela abríanse dúas alternativas: o Liceo (Lukio) e a Formación Profesional. Decantouse pola primeira opción e aínda que nun principio se especializou en Artes, pronto decidiu camiñar cara unha formación máis xenérica. A súa auténtica paixón eran as linguas. Por iso, xunto cas obrigatorias finés, sueco e inglés engadiu francés e alemán. O Liceo finlandés articúlase nun sistema de cursos que os alumnos van elixindo segundo as súas preferencias. Isto permite tres cousas:

  • Os alumnos crean o seu propio plan de estudos e cursan aquelas materias que lles gustan ou aquelas nas que cren que son mellores. Os resultados son óptimos e a meirande parte dos alumnos superan esta etapa con éxito.
  • Especialízanse e encamiñan a súa formación de cara a Universidade/Escola Politécnica.
  • A brecha entre a educación secundaria e a superior é mínima xa que os alumnos están plenamente adaptados.

Despois de tres anos os alumnos reciben o Ylioppilaslakki, o gorro que certifica o seu nivel de estudos. Emmi luciuno con orgullo no 1º de Maio como marca a tradición finlandesa.

Unha auténtica vocación

Despois dunhas difíciles probas Emmi accedeu a Universidade de Jyväskilä, unha das máis prestixiosas do seu país. Foi nesta etapa na que Emmi combinou as súas dúas grandes paixóns: as linguas e a ensinanza. Matriculouse en Linguas Romances e fixo dous anos de Pedagoxía. Despois de seis anos está acabando o proxecto do Máster e chegado o momento fará as probas para ser profesora.

A profesión de docente goza de gran prestixio na sociedade finlandesa e só os máis preparados se converten en profesores. O acceso á Facultade de Educación é un dos procesos máis esixentes de todo o país. Ademais de ter superado o Liceo e as probas de acceso á Universidade, deben acreditar 3 anos de traballos con nenos. A parte deben pasar durante dous días unha serie de entrevistas e probas que certifiquen as súa gran preparación.

“Quero ser profesora porque me encanta ensinar, encántame ver como aprenden os nenos, encántame motivalos, darlle ilusión…”. O sorriso de Emmi é moi elocuente e fai patente a motivación coa que encara o seu futuro profesional. Gran parte do éxito do sistema reside nuns profesores altamente cualificados e na súa total implicación no seu traballo que se basa no amor aos nenos, os cales son considerados como o gran capital social do país .

E coma sempre, as comparacións son odiosas

Despois de dúas horas de conversación Emmi xa tivo que encender a luz do seu cuarto e a través da súa ventá só se percibe a máis completa escuridade. Neste punto, pasamos ao relato da súa experiencia como estudante de intercambio en Santiago de Compostela.

Emmi estivo un ano na Facultade de Filoloxía da cidade compostelá. Acostumada a un sistema participativo na que o alumno ten gran iniciativa, sorprendeuse ao verse encerrada nun aula escoitando a unha profesora de francés que se limitaba a ler os seus apuntamentos. Afogou nos interminables trámites burocráticos e papeleos que tivo que levar a cabo para confirmar a súa situación como estudante de intercambio. Un proceso que definiu directamente como caótico. “En Finlandia o papeleo para os estudantes de intercambio é mínimo. Simplemente tes que darte de alta na base de datos da Universidade a través da Internet”. Pero houbo algo que lle chamou especialmente a atención. “Flipei ao comprobar que para entrar en filoloxía alemá non fai falta saber nada de alemán. Non ten sentido.” No seu país é imposible facer unha filoloxía sen ter un nivel avanzado da lingua que se vai estudar.

Antes de despedirnos, pregunteille se o seu sistema sería exportable a España. A súa resposta foi non. Para ela, explícase nunha cuestión cultural. O seu sistema educativo está ligado a súa cultura, a súa lingua e a súa idiosincrasia como pobo ata tal punto que se converteu nun elemento fundamental identitario para os finlandeses. Con todo, segundo estudos feitos por pedagogos, hai certos puntos como a motivación do alumno, os sistemas de avaliación ou os itinerarios de estudos que poderían modificarse de cara a mellorar o modelo educativo español. O actual contexto socio-económico e as medidas tomadas polos distintos gobernos (sobre todo o actual) durante estes anos fan pensar que a medio prazo non vai haber un proxecto de reforma ambicioso que contribúa a mellorar o que temos.

Non alonguei máis a despedida. Tras o falado e sobre todo, aprendido; dixémonos moi moi! (ata pronto).