Esta semana tiven unha conversa ben agradable. No acolledor ambiente de La Industrial, en Compostela, e coa choiva decorando os exteriores, compartín un anaco con Raquel C. Pico, unha das creadoras do medio de tendencias made in Galicia máis seguido: Disquecool. As orixes de Disque, Internet, o xornalismo (un morto moi vivo) e algunhas outras cousas centraron a nosa conversación. O café estaba moi bo tamén…

Como nace Disquecool?

As catro fundadoras somos xornalistas. Naquel momento todas tiñamos traballos totalmente diferentes en lugares totalmente distintos e que non tiñan nada que ver co que é Disquecool. Todo comezou fai 3 anos. Por aquela eu estaba en Madrid e cando volvía a Galicia de vez en cando xuntabámonos e faciamos cousas “un tanto estrañas” (risas). Nunha ocasión fomos á casa de Rosalía de Castro.

Ao saír fomos a comer a un restaurante alí en Padrón, e o típico: comezamos a falar do que nos gustaba, das cousas que nos motivaban, das cousas que nos facían felices e todas coincidiamos un pouco en por exemplo escribir de tendencias -cando dis tendencias todo o mundo pensa na Cosmo e na Vogue, pero nós pensabamos nun concepto máis amplo. Ademais, démonos conta que non existía nada semellante en galego e sobre Galicia en concreto. Por exemplo, cando eu viña a Santiago sempre buscaba “que facer?” e non era tan doado atopar as exposicións que ía haber ou un sitio «guai» ao que ir comer. Entón pensamos: “se non existe, por que non facelo nós?”. Tiñamos ganas de facer algo propio e o bo de Internet é que permite facer cousas cun custe moi baixo. En comparación co que se precisa para lanzar unha revista en papel é infimo.

Quen está detrás de Disquecool?

Somos catro xornalistas. Estudiamos as catro na USC. Somos Ana, Cris, Lucía e eu son Raquel. Tamén hai un fotógrafo e un deseñador web que nos axudan.

En que se especializa cada unha de vós? Ou escribides cada unha un pouco de todo?

Ao principio non, non dividiamos as cousas. Pero isto é coma todo, ao final acabas facendo o que máis che mola. É o que ten non ter un xefe. Escribes sobre o que queres. Por exemplo Ana escribe sobre música e fai as entrevistas. A min en particular encántame a literatura, igual que Cris. Non foi algo estudado, pero foi xurdindo. Obviamente hai unha organización para que tódolos días haxa un mínimo de dúas publicacións.

Escribes en Disquecool, Zmartco e libropatas. Cal prefires?

Son todas publicacións de Disque. Digamos que intentamos probar con outras cousas. Facer contidos para terceiros, servizos a empresas e tamén probamos a lanzar medios en castelán. O que mellor está funcionando é Librópatas, que é unha web especializada en literatura. Cal me gusta máis de todos? Eso é como preguntarlle a un neno “a quen queres máis?”. A Disquecool témoslle un cariño especial porque foi o primeiro e ademais deunos moitas alegrías.

Imaxino que fixeches Xornalismo en Santiago. Que te motivou por esta opción?

Por vocación supoño. Sempre quixen ser xornalista. Cando comecei a carreira, sempre desexaba ser corresponsal e traballar nun xornal de papel. Pasou que na nosa época foi cando comezou o “boom” do xornalismo dixital.

Que tal se vive do xornalismo? Que futuro lle ves a profesión? 

Ninguén pensa en facerse rico cando se fai xornalista e se o pensa está enganado. Pero o importante para min non é facerse ricos.

Eu penso que a profesión ten futuro. O que pasa que os que mandan no mundo do xornalismo -por así dicilo- non acaban de entender cara onde vai o mundo. Un exemplo, o de intentar cobrarlle a Google por poñer links. Vai contra a esencia de Internet. É difícil de entender cando sabes como funciona Internet.

Pasa tamén na música…

Pero na música hai iniciativas como Spotify. No xornalismo non se está entendendo. Os modelos Premium, ben plantexados son unha boa saída. Hai iniciativas que están tendo boa acollida. Ten que haber unha boa alternativa. Alguén dará coa tecla. Tamén deberiamos pensar que hai cousas que non son viables. É o ciclo da vida.

Por que estamos indo todos/as cara o marketing?

Supoño que será onde hai cartos.

Que facemos co intrusismo laboral?

Non creo que sexa o principal problema do xornalismo. É máis grave que haxa os soldos baixos que está habendo, que haxa bolseiros sen cobrar. O intrusismo non é o principal problema.

Xornalismo ou literatura como profesión? Veste máis escritora ou máis xornalista?

Máis xornalista. Eu escribo cousas. Pero penso que tódolos xornalistas no fondo queremos ser escritores.

Por que Disquecool en galego?

Xurdiu así. Sen máis. Foi natural. Non hai nada ideolóxico nin político detrás. Creo que a nosa maneira é unha forma saudable. Persoalmente penso que no referido ao galego, todo é moi serio. Simplemente ter a normalidade de poder ver unha telenovela en galego. De que o galego estea na cultura de masas.

Ó mellor dentro duns anos aparecedes nos libros de texto de Lingua Galega. 

Eu sempre quixen que nos exames de selectivo puxesen un texto de Disquecool. Pero non creo. O noso obxectivo non é ese. Pero se saímos estariamos encantadas.

5 artigos favoritos de Disquecool e por que.

Todos os do Disquerreto que fai Lucía. Son artigos de viaxes moi currados -Lucía escribe moi ben-. Dos meus gústame moito a entrevista que lle fixen ao Misery Bear (Oso Miseria). Trátase dun oso que ten unha vida moi triste, fanlle un montón de malas cousas. Trátase dunha webserie da BBC. Foi moi divertida a entrevista. Mandeille un correo directamente ao oso e o oso respondeume deixando claro que as escribiu el e ninguén máis.

Máis artigos? Pois… ás veces é sorprendente o que ten éxito. Dos artigos que máis éxito tiveron (que están entre os máis lidos) son «8 razóns polas que tes que amar o inverno en Santiago» e outro “por que deberías amar non ter verán”. Pasa que ás veces fas artigos moi currados, que lle adicas moitas horas e non teñen tanto éxito como ao mellor estes que son froito dun momento de creatividade.

Que artigos adoitan gustar?

Os de Portugal, as listas, os artigos máis irónicos e divertidos. Tamén os de libros. Cris ten feito algunhas listas de libros que triunfaron bastante (eses tamén están na miña lista de favoritos), e despois as recomendacións de locais. Eses tamén funcionan moi ben.

Que ten Portugal?

Non sei. A nós encántanos. Hoxe por exemplo sacamos un artigo sobre sitios para comer en Porto aos que tes que ir.

Hipsters. Defínenos hipster? Por que escribides tanto sobre hipsters?

É un moderno (non me irás a preguntar que é ser cool? Mátasme)En Disquecool hai moito hipster porque é un medio para modernos e moitos modernos son hipsters (e supoño que tamén haberá algún hipster na redacción).

Hai modernos de verdade ou todo é pose?

Si, si. Non hai que ir a Malasaña para velos. Que conste que a nós encántannos. De feito, moitas das tendencias de consumo actuais veñen marcadas por eles. Moitas das cousas que se consumen hoxe en día de forma masiva comezaron cos hipsters.

Como é un día de traballo de Raquel? Traballas na casa, tedes redacción?

Traballo desde casa. Escribo toda a mañá. Paro para xantar e despois sigo outro pouco pola tarde. Pero digamos que tiña que ser moito máis organizada do que son.

Aplastante maioría feminina na redacción…

Si, pero hai rapaces. A sección Dr. Chou faino un rapaz e fai o disco da semana tódalas semanas. Por que é sesgado? Porque somos catro amigas.

Que proxectos ten Disquecool?

Estamos traballando cousas pero non se pode contar. Pero si, estamos pensando en facer algunha cousa máis.

Algo en papel?

Pois témolo falado. A xente pídenolo.

Ten sentido o formato papel hoxe en día?

Si. No papel sempre podes ter máis extensión que na web e está a cuestión do obxecto, as cousas que che gusta gardar. Hai xente que aprecia o ter revistas ou libros en papel para ter sempre consigo. Por exemplo, eu leo moito en libro electrónico pero os libros que me gustan moito téñoos en papel. E non sei… se a xente o quere algún día faremos algo en papel.

Eu son lector e xa volo estou pedindo…

Tes que crear unha petición en change.org (risas).

Está aí o exemplo de Jot Down…

E Yorokobu. E teñen prezos que de entrada non chamamos asequibles e a xente mércaos. Hai esperanza nese sentido.

Culturgal, que?

Pois levamos indo desde que comezamos. O primeiro ano fixemos un photocall e gustou moito. Agora hainos por todas partes. Moi mainstream (risas). Na última edición por exemplo a xente dicíanos unha palabra e escribiámoslle un micro-relato no momento. Foi moi divertido.