Aprendín a dicir as miñas primeiras palabras en Cerceda fai case 25 aniños. E desde aquela non parei de falar. Semellante incontinencia verbal atopou unha canle de saída no Xornalismo e nas redes sociais. Curioso e sempre con gañas de aprender. Durante a miña etapa como alumno en Xornalismo entrei como bolseiro na Radio Galega, lugar onde me deixaron facer algo máis que fotocopias. Aprendín a enfrontarme ás roldas de prensa, a chamar por teléfono unha e outra vez ata obter unha resposta e a redactar en menos dun minuto máis de un minuto de locución. Xa Licenciado a seguinte parada foi o Consello da Cultura Galega. Podo dicir que alí non fixen unha sóa fotocopia. Ata me deixaron abrir un blog sobre música.

Rematei o Máster en Comunicación e Industrias Creativas ca clara e firme idea de que o futuro do Xornalismo está na rede, e nesas sigo. Na miña experiencia en Douscents Consulting souben o que en realidade significa ser multitarefa.

A satisfacción como premio a tanto traballar pareceume escasa e decidín que eran horas de gobernarme eu mesmo. Foi por iso que xunto co compañeiro Breogán creei PositiBos.

A experiencia valeu o seu. Agora, son xestor de momentos (e de redes sociais e e blogs) en Picnic. Ideas Felices. Desde fai pouco, tamén son profesor de Redacción Informativa.

 

E como non, cando podo e sae algo, escribo o que me acorda nestes Inventarios de Pánico.