E por que non celebrar? Os gregos xa están sometidos e España medra ao non sei canto por cento que é unha cifra espectacular. Ai, pero existe unha pega. No mundo hai guerras e fame e probeza. Ese terceiro mundo que non é quen de sair adiante polos seus medios. Iso que desde Europa lle regalamos a democracia e as bondades do noso sistema económico. Como non son quen?
Froito do seu fracaso como civilización agora nós, europeus, temos que ver como se baten ás nosas portas como cans famélicos.
Isto podería ser o pensamento lóxico dalgúns deses fachendosos señores con gravata que gobernan en Europa. Pero toda esa lóxica vense abaixo diante de moitas e moitos cando aparece unha fotografía coma a do meniño. Ese meniño que sen mover un só palmo do seu corpo xa sen vida, nos golpea coa vergoña que moi poucos dos que nos gobernan sente.
Hai moito debate sobre se unha imaxe así debe ser publicada. Neste caso si, porque esta fotografía acada o que as palabras non poden. Esta instantánea remexe na nosa indiferenza cara aqueles que non teñen o que nós. Non podemos seguir dándolle a espalda a todo isto.
PD: ben pola alcaldesa de Barcelona, Ada Colau, por promover esa rede de concellos para a acollida que ningún goberno central ou autonómico é quen de poñer a andar. Criticádea ben e decídelle que non se poden acoller refuxiados, que despois non collen os turistas.