Isabel II de Inglaterra estará preparando os barcos para tentar invadir A Coruña «once again». E se non está, debía. Ao mellor aínda non se puxo co labor porque non chegou ás súas mans o cartel de Guitián para o Entroido da cidade herculina, no que claramente se fai burla e escarnio do fundador da igrexa anglicana, o rei Enrique VIII. E se non é Enrique, é un tipo que se lle asomella ben.
A raíña Isabel ten que tomar boa nota de como se actúa aquí. Que mire a que lle están montando ao goberno municipal por este outro cartel:
Isto, segundo din, ofende a todos os católicos e católicas do mundo. E debe ser verdade porque o Arzobispado de Santiago de Compostela xa emitiu un comunicado pedindo a retirada do cartel e a Asociación Española de Abogados Cristianos está recollendo sinaturas coa mesma finalidade. As emisoras de radio locais xa puideron ocupar varios minutos con tensos debates sobre a pertinencia do cartel. Un debate que por suposto, chegou ás redes sociais e aí deu de si todo o que podía dar: barullo.
Desde que un ten acordo, o Antroido é tempo de choqueirada e brincadeira. A avoa Isaura non era moi amiga desta festividade, «a leria esa dos disfraces é boa pras vingas». Ela era unha muller de esaxerar. Ao caso, se algo caracteriza esta festa é o humor que, como lle sigan poñendo marcos e cancelas, vai quedar nunha finca moi pequena e con ben pouco que aproveitar, #cagonominifundio.
Nun mundo no que debatir os límites do humor te pode poñer diante dun xuíz, andar a facer brincadeiras co representante de Deus na Terra pode ser tarefa de alto risco. Pero se non houbese arriscadas e arriscados que foron quen de facer humor con ETA, co 11-S, co Prestige, co nazismo, co xihadismo… que sería do humor? Unha vez escoitei a un palestino contando un chiste de palestinos nun bus. O chiste era ben macabro, mais pensei que ese pobo aínda é tal, en parte por ser capaz de rirse de si mesmo e da súa situación.
O dito, aproveitemos para seguir rindo mentres a raíña Isabel non dá preparado a súa Armada. E que Deus nos arrede do Twitter.