O enunciado que titula este texto foi pronunciado por unha benquerida compañeira nos meus anos de universidade. Ela, que o dixo nun sentido moi inocente, deuse conta nada máis acabar de falar de que aquilo se convertiría nunha xeira de chanzas pola miña parte cuxo significado non teño necesidade de explicar nestas liñas.

Ese recordo daqueles tempos felices veulle á miña cabeza nestes últimos días nos que os medios de comunicación nos bombardean coa protesta do sector gandeiro galego, estrangulado pola presión dos baixos prezos aos que se lle paga o litro de leite. O leite, que en galego é moi macho aínda que haxa moito feminista de postureo que teime en chamarlle «a leite».

Pero, para que mentir? O bombardeo mediático non é máis que uns cantos petardos estourados no campo da feira o día do Carme. A cobertura que os medios de comunicación lle están dando a enésima tractorada da historia recente de Galicia está tirando a probe.

Dun lado están os medios estatais. Esta xentiña aplica o de «Madrí y sus provincias» ao pé da letra. Hai que entender que dedicarlle minutos a uns e unhas señores e señoras con vacas e tractores non pode compararse co «proceso catalán» ou «desafío soberanista». As cousas como son, «nos rompen España» e iso na escaleta pesa. Co que un xa non conta é con que Ferreras bote máis de 10 minutos de leria con «Little Nicky» porque o rapaz, aburrido de xerar o caos na intelixencia do Estado, quere agora facerse Senador para facerlle á institución un haraquiri en toda regra. A ningún destes medios lle pica moito a curiosidade sobre porque en Lugo reforzaron a muralla romana con tractores, nin por que recoñecidas marcas lácteas teñen os puntos de distribución bloqueados tamén por, mira ti que sorpresa, tractores. Nada.

Despois están os medios daquí, os da casa. Eses danlle ampla cobertura ao tema, como non. O problema vén cando o que che pon os cartos é ao que máis lle están a protestar «los de los tractores». Entón sacamos algunha enquisa sobre o «desafío soberanista» e dámoslle todo o espazo do mundo na portada ou aproveitamos que un señor de Madrid insinuou algo da liga que gañou o Dépor e aí tiramos de chauvinismo para encender ás masas cos éxitos pasados.

Total todo o mundo sabe que o leite, sae dos cartóns.