Semella que o coronavirus vai ser o noso trending topic durante bastante tempo. Se deixas de lado as obvias e preocupantes consecuencias sanitarias e sociais da pandemia, o noso desempeño no traballo viuse modificado substancialmente debido ao confinamento imposto polas autoridades. Para moitas e moitos apareceu un termo novo nas súas vidas: teletraballo.

Case a totalidade da miña vida profesional se desenvolveu baixo este formato, motivo polo cal me sinto dalgún xeito autorizado para darvos algúns consellos sobre como xestionar esta cuestión da mellor maneira. Agardo que vos sexan de utilidade.

A importancia dos horarios

Traballar na casa require moita disciplina. É importante fixarse uns horarios. De non facelo, acabaremos convertindo os nosos días en traballar, traballar e traballar. Sen horarios é fácil perder o foco, procrastinar e converter as túas xornadas nun maratón de 12-14 horas. E o peor: a caída da produtividade.

Poñede un horario e activade alarmas para a entrada e para a saída no voso móbil. Cunha liña de meta á vista é moito máis fácil centrarse, manter o foco e optimizar o tempo de traballo.

via GIPHY

Organízate

A organización é a chave da produtividade. Non hai nada máis satisfactorio que acabar a xornada con todas as tarefas tachadas. Eu utilizo dúas ferramentas dixitais:

  • Todoist. É o clásico xestor de tarefas que funciona baixo a metodoloxía GTD (Get Things Done). Ten unha interfaz moi amable e ademais é multidispositivo -moi útil se a tarefa a tachar é a cobertura dun evento e non estás co portatil-. Permite crear varios proxectos e clasificar as tarefas dentro dos mesmos. Permite o etiquetado das tarefas (chamada, redactar artigo, reunión…), engadir arquivos e comentarios na tarefa, e marcar periodicidade e recorrencia das mesmas. Ah, e tamén a urxencia. Nas versións premium podes traballar en equipos. Dá para explorar. Botádelle unha ollada.
  • Toggl. En sincronización con Todoist, utilízoa para contabilizar o tempo que lle dedico a cada tarefa e por tanto, a cada cliente. Moi útil para medir a rendibilidade de cada proxecto.

E aínda que poño moita confianza no dixital, non me falta a clásica axenda. A deste ano é unha marabilla de Xiralua que me regalou miña irmá. Déixovos enlace.

Axenda Xiralúa

Separación de espazos

Non durmades onde traballades. Non comades onde traballades. Intentade que o voso espazo de traballo sexa só iso, o voso espazo de traballo. Colocar barreiras físicas axudaravos co punto número un, o dos horarios. Parece mentira, pero ter a sensación de “entrar” na oficina axudaravos a concienciarvos de que tedes que “saír” da mesma.

via GIPHY

Ponte guap@

Non sabedes o fácil que é acabar traballando en pixama día si e día tamén. Evitádeo. O chándal é un sucedáneo do pixama, podedes recorrer a el de cando en cando, pero non é a solución. Levantádevos con tempo, duchádevos e vestídevos como se forades á oficina.

Ademais dádesvos espazo -mentres vos arranxades e almorzades- para poñer o cerebro a funcionar. Nunca saiades da cama e vaiades directos ao traballo. Tardaredes máis en arrancar.

via GIPHY

Descansa

Hai que descansar, erguerse, estricar as pernas, comer algo, tomar un café… Se vos serve, cóntovos o meu método:

Traballo de 8 am a 11 am e fago o primeiro descanso. Aí tomo un café e como algo (plátano, noces, unha “pulga”). Saio do posto de traballo, séntome no sofá e gozo do café. Unha mala cousa que fago e que teño en tarefas para corrixir é ter o móbil. Traballamos cara a unha pantalla, evitemos as pantallas nos descansos.

A iso das 3 pm paro para xantar. Fago de comer e xanto mentres vexo as noticias (esta pantalla si que non a vou eliminar). Se teño tempo, durmo unha sesta de 20 minutos. Reactiva unha barbaridade!

via GIPHY

Intento retomar entre as 4 e as 5 pm. e saco traballo adiante un par de horas máis.

E cando soa a alarma de acabar, coma Pedro Picapedra, pecho o portátil e a outra cousa. Merendar o primeiro e despois ximnasio ou outros asuntos de lecer.

via GIPHY

Nota: cando traballas en marketing e comunicación, con datas de entrega enriba ou con reunións de última hora ás veces é complicado ser regular. Non hai que agobiarse con iso. Eu procuro xuntar o máximo número posible de reunións nunha soa xornada para poder traballar baixo os meus horarios e organización a maioría da semana.

O espazo de teletraballo B

Unha biblioteca, unha cafetería… Ás veces resulta útil ter un segundo espazo de traballo, para cambiar de aires. Pode resultar moi útil cando estás atascado e non che saen as cousas. Incluso podes ligar unha parte do teu traballo a un espazo concreto. Soará moi bohemio, pero se toca escribir un artigo para un blog -aínda que sexa sobre o boas que son as patacas da Limia- unha cafetería ofrece un ambiente moi xeitoso para tal fin.

Sae da casa

Programa o teu tempo de lecer e aproveita os cambios de espazo A a espazo B para dar un paseo. Inscríbete en actividades que che permitan socializar e relacionarte con outra xente que non sexa a do teu traballo: actividades dirixidas no ximnasio, grupos de teatro, danza, asociacións culturais, cine…

E sobre todo, o móbil do traballo, se pode ser, que quede na casa. O teletraballo non pode significar estar conectado 24/7.

via GIPHY

Bonus: a Radio e a Música para o teletraballo

Ter unha batería de podcast e de listas de reprodución musicais para acompañarte no teu día a día pode funcionar como un gran catalizador para a túa productividade, sobre todo naquelas tarefas que son máis “automáticas”.

Algún programa radiofónico moi xeitoso:

  • Todopoderosos
  • Aquí hay Dragones
  • La Vida Moderna

Na cuestión musical non me meto, que cada un ten os seus universos sonoros. De tódolos xeitos, a miña recompilación musical desde que teño Spotify é «moderno de merda». Aí hai algo de todo. Let’s rock!