O fecho está duro. Sempre problemas para abrir a porta. Pero 50€ para cambialo son un luxo que hoxe non quero asumir. Van mellor empregados nunha fin de semana de moita gloria e poucas lembranzas. Tras forzarlle un anaco ao final cede.

Foi unha xornada longa e no silencio do apartamento, o tic-tic-tic das teclas do portátil segue amartelando na cabeza, nalgún lugar do pensamento que non é quen de desconectar do traballo. É compricado.

Medio centenar de vítimas en Orlando. Asasinados por ser homosexuais disque. É lonxe, ao outro lado do Atlántico, e tódolos días hai moitas e moitos coma eles en todo o mundo. É o que ten, os criterios de noticiabilidade sempre lle van resultar inxustos a alguén, e con razón.

Fálase moitas veces das frustracións dos que len, dos que ven, dos que escoitan, dos que “consumen” (unha palabra ben fea) contidos xornalísticos. Pero poucas veces se fala das frustracións dos que escriben, gravan, falan… porque aínda que moitas veces semella o contrario, esa xente ten tripas.

O corpo cae no sofá. O mando da tele está moi lonxe, pero a tableta está o suficientemente preto para someter a mente de novo á ditadura da pantalla. O Twitter, esa imparable fervenza de chíos é o pozo onde se activa o consumo de miserias. A luz do dispositivo hipnotiza, pero desgrazadamente non adormece. A busca é concreta, un artigo de autoría propia. Os asasinatos en Orlando son o tema. Un rápido rastrexo deixa ver quen comparte, quen comenta e sobre todo, que comenta.

«Matan poucos, fixo ben, eses musulmáns son uns intolerantes, o mundo está mellor sen eses putos maricóns… »

O artigo cumpría con todo o que lle é esixible: áxil, rigoroso e veraz. Pero ademais tentou de imprimirlle un pouco de indignación, de debuxar a inxustiza, de enfatizar que morreron porque alguén odia, e como sociedade consentimos o odio. As vítimas teñen moitos nomes e denominacións: maricóns, negros de merda, putos moros, malditos sudacas, lesbianas do carallo, sucio mendigo, puta feminista… Non morren por ser quen son, morren porque existen os que odian e porque somos complices por activa ou por pasiva dese odio. A cuestión é a maneira en que se elixa convivir con iso. O xornalismo, a denuncia é unha vía para poñerse en fronte.

Dúas horas despois de ter publicado o artigo xa foi compartido amplamente en Twitter e en Facebook. Centos de miles de persoas están comentando. Ao xefe gustaralle. Son só números masivos que non fan máis que denotar a evidente soidade do que firma. Ninguén fala das frustracións de quen escribe.

A ditadura da pantalla cede ante o empurre das horas non durmidas, que queren recuperar o espazo perdido. Sempre se quedan a medio camiño….

 

É paradóxico. Non hai cousa que máis active que a promesa de atoparse con novas frustracións. Sae pola porta para fóra, tira e saca as chaves. E coma sempre, o fecho está duro.