Por moito que queiras crer que non vai volver pasar, pasa. O xornalismo, unha vez máis non estivo a altura dos acontecementos. Mentres escribo estas líneas xa pasaron algo máis de 24 horas do accidente no rally da Coruña no que faleceron 7 persoas e quedaron varios feridos. A maquinaria dos medios de comunicación púxose a traballar de contado e moi pronto comezaron a xurdir as fotografías escabrosas, os vídeos en bucle do accidente, as frases lapidarias resaltando as consecuencias e o fatídico resultado nas vidas das persoas afectadas por unha desgraza como a que aconteceu este sábado en Carral. É dicir, auténtico amarelismo.

Cando un abre un xornal ou ve un telediario espera recibir unha explicación das circunstancias e porqués dos acontecementos. No caso que nos ocupa interesa coñecer varias cuestións que ningún medio, polo momento, se molestou en intentar respostar. Cales son as medidas e protocolos de seguridade neste tipo de probas?, hai recursos materiais e humanos suficientes para responder ás esixencias desa seguridade?, que nivel de responsabilidade teñen organización e administracións públicas involucradas? Unha información moi valiosa de cara a evitar que algo así volva a suceder.

Nada diso, porque iso dá traballo e é máis sinxelo estereotipar o mundo dos rallies. É máis sinxelo remexer no Facebook para sacar fotografías das vítimas. É máis sinxelo publicar álbumes completísimos con fotografías de cadáveres ao detalle e sobre todo. É máis sinxelo contar historias persoais e íntimas que nada aportan a un relato informativo que se prolongará máis alá do necesario, e no que unha vez máis, o xornalismo afunde a súa reputación e credibilidade na teima de percorrer o camiño da mercantilización da dor allea.