Non sei se vos pasa pero a min cústame cada vez máis ver as noticias ou como diría miña avoa, o parte. A hora do xantar vén acompañada por telediarios que aderezan as nosas vidas cun pouco máis de frustración e desesperanza. Así, presenciamos semana tras semana, o anuncio dunha nova medida económica -seguramente decidida en non se sabe que escuro despacho- e que normalmente significan retrocesos nos dereitos sociais dos cidadáns. A crispación e o descontento social son a tónica xeral no noso día a día e ante esta situación, a xente deféndese cunha das poucas armas das que o “sistema democrático” nos dotou: o dereito a manifestación.

Día si, día tamén, nalgún punto de España prodúcese unha manifestación. Todos coñecemos as distintas motivacións que empurran a miles de persoas a poñerse detrás dunha pancarta e berrar. Nos últimos tempos, e sobre todo desde o nacemento do movemento 15M, as manifestacións estanse convertendo en obxecto de gran polémica. É difícil ver algunha destas marchas cidadás sen que todo acabe sendo unha batalla campal con moitos feridos e varios detidos.

A chegada das novas tecnoloxías da comunicación proporcionáronnos a oportunidade de facer pola nosa conta a cobertura destes sucesos o que supón unha gran competencia para os medios de sempre, que teñen que facerse valer fronte ao que moitos deron en chamar xornalismo cidadán. Por outra banda, o seu papel na cobertura destes acontecementos está sendo cada vez máis cuestionado e nos últimos tempos non anda exento de polémica. O máis recente exemplo foi a manifestación do 25 de Setembro nos arredores do Congreso dos Deputados en Madrid. Tódalas radios, cadeas de televisión e xornais se fixeron eco dos disturbios daquel día.

Seguir a noticia a través de Telemadrid ou facelo a través de La Sexta pode cambiar drasticamente a percepción dos feitos parecendo incluso que se esta a falar de dous sucesos totalmente distintos. O mesmo ocorre observando as portadas dos xornais españois. Observando as diferentes versións do asunto descubrimos que houbo diferentes liñas estratéxicas para a cobertura dos feitos:

Minimizar o acontecido

Para isto compáranse cifras (“Só 6000 manifestantes fronte aos 40 millóns de españois que quedaron nas súas casas”) ou recórrese a chamar a atención sobre outros feitos de actualidade (o independentismo en Catalunya). A consigna é clara, restarlle representatividade e lexitimidade á manifestación. A validez deste argumento é máis que cuestionable. A manifestación tería sido máis xusta de haber 40 mil manifestantes?

Atribuirlle o protagonismo da manifestación a grupos violentos

Conséguese destacando o número de detencións e de axentes feridos. Son xa famosas as imaxes dun policía empurrado por varios manifestantes. As cargas dos antidisturbios aparecen, pero nunca as consecuencias destas. Por suposto, nin rastro de manifestantes feridos.

Estas foron as principais liñas de actuación dos medios “de dereitas”. IntereconomíaTelemadrid, 13TV, o diario ABC e por suposto La Razón afanáronse en facer crer ao mundo enteiro que o Congreso foi rodeado por un exército de golpistas cuxo único obxectivo era implantar a anarquía. A portada de La Razón é o exemplo máis elocuente desta tendencia.

Outros medios, como La Sexta, ofreceron outra cara da manifestación e puxeron o foco sobre todo en dous puntos:

Unha resposta policial excesiva e desmesurada

Son numerosas as imaxes de axentes antidisturbios empregando a forza de forma brutal con moitos dos manifestantes. Un dos sucesos máis comentados foron os da estación de Atocha. Os axentes agrediron e detiveron sen distinguir entre manifestantes e viaxeiros. Os videos aportados por moitos manifestantes amosan situacións de ensañamento dos axentes cos manifestantes.

Os policías infiltrados

O axente encapuchado encollido no chan e berrando ¡Qué soy compañero coño! foi un dos videos máis vistos nos días posteriores á manifestación. As imaxes emitidas suxiren que os policías infiltrados foron os encargados de rebentar a manifestación e provocar  a gran carga que trouxo tras de si a onda de violencia.  Por outro lado, tratan por riba o feito de que un grupo de persoas tentara tirar o cerco preparado para protexer o Congreso.

Uns e outros destacan puntos da información ou omiten outros en función das súas preferencias políticas. Encubren esta acción alegando que o fan en función de criterios de interese informativo. A conclusión que se extrae é o forte posicionamento ideolóxico do panorama mediático español. Nun asunto tan delicado como unha manifestación que acaba en disturbios, como foi o caso, pode ser perigoso adentrarse no terreo das ideoloxías. Lugar no que con todo, os medios de comunicación adoitan entrar á hora de dar informacións que en moitos casos están profundamente distorsionadas.

Coma nos mellores tempos de Pullitzer e Hearst, o primordial é vender xornais e gañar audiencias, obviando as normas deontolóxicas e manipulando os feitos a comeniencia dunha ou doutra ideoloxía coa única finalidade de satisfacer ao poder político ou económico de turno. Un sistema de prevendas no que os máis prexudicados son a democracia, o xornalismo e sobre todo, os cidadáns.