A Rúa da Pena é un deses lugares que toda vila debería presumir de ter. Un lugar fermoso ós ollos do visitante e familiar e acolledor para quen alí vive. En tempos foi un lugar cheo de coches e barullo, pero agora aquilo era un espazo totalmente humanizado. Os nenos corren polo empedrado pavimento detrás da bola esquivando ós paseantes con extrema habilidade. Mentres, nas terrazas, non cesa a parola. Os comercios debuxan unha colorida estampa que ademais parece funcionar ben, pois o entrar e saír de xente é continuo. Din que a beleza dos ecosistemas se basea no equilibrio e cando o equilibrio se rompe, adeus beleza.

O desequilibrio chegou cun frenazo, un chirrido que forzou ó propio son ó seu extremo. Unha máquina infernal era a fonte de tal estrondo. Un coche deses que tosen moito e forte cada vez que alguén lle pisa o acelerador. De semellante máquina só pode saír un tipo de individuo: Machirmo.

Este fenómeno é un especime ben identificable. Machirmo loce unha musculatura propia dun boneco de acción, froito dun perfectamente organizado e estricto plan que combina o máximo esforzo no ximnasio cunha exigua dieta baseada en batidos e algún filete de polo de vez en cando.  En realidade, o noso protagonista é o máis parecido a un croissant con patas.

Nos seus brazos inchados destacan diferentes tatuaxes: un Ferrari no bíceps dereito, un Hammer no esquerdo e diferentes tribais ao longo do brazo que non serían nada sen algunha inscrición en alfabeto arábigo. O seu torso debuxa a figura dun funil, ben ancho na parte superior e apenas un suspiro ao chegar á cadeira. Iso si, vaia abdominais. El é amigo de levantar a camiseta á primeira que pode. O tren inferior de Machirmo non é digno de ser traballado ao nivel dos seus pectorais, por iso loce unhas perniñas propias dun galo de corral. E quen non daría a volta para mirar para esas nádegas.

Un físico así non pode ser disimulado de ningún modo, por iso, Machirmo fai gala de prendas o máis cinguidas posibles. Camisetas co logo do lagarto, vaqueiros que rematan ben máis arriba dos nocellos e por suposto as súas zapatillas fosforitas. Gafas de sol Carrera, ben grandes. E non é por tapar a cara, que Machirmo é guapo… no seu espello. É difícil crer que sexa capaz de non andar torcido dado o tamaño do seu «peluco».

Aparca nunha zona de estacionamento preto da idílica rúa. Baixa do coche e déixalle paso ó seu compañeiro: un dóberman. As orellas ben en punta, como non. Comeza a pasear pola rúa, seguro de si mesmo, sabendo que é o centro de atención. Como non o vai ser? Atopa unha terraza do seu gusto e senta. Saca o móbil e comeza a repasar as súas tan activas redes sociais. Cando se lle achega a camareira, pide unha cervexa sen sequera levantar a vista.

Nestas está cando chega Jairo, un dos seus colegas. Un individuo da súa mesma caste pero con menos categoría (saibase que a categoría se mide polo inchado dos bíceps e dos pectorais) e que por tanto rende pleitesía contínua ó noso protagonista.

– Xa con cervexa pola mañá? – proclama Jairo a modo de saúdo.

– Hai que se coidar.

– Iso non está prohibido na túa dieta?

– Unha cervexa un día non mata a ninguén. Mira para aquí. -afirma orgullos mentres levanta a camiseta.

– Si, creo que xa chos teño visto. Cambiando de tema, vas ir o enterro?

– Haberá que ir – responde co rostro ensombrecido.

Pasan unha horiña de leria. Temas importantes: mira que tetas ten esta, cambieille tal peza ó coche, comecei con outra rutina no ximnasio…

Ó chegar ó coche Machirmo arrinca coa mesma furia coa que aparcou, perturbando unha vez máis o equilibrio. Ó chegar á casa, só ten un obxectivo: xantar. Súa nai, sabedora das necesidades do seu fillo, xa o ten listo na mesa. Si, Machirmo vive coa súa nai. Viúva antes de tempo, doulle todo o seu amor ó seu neno. É por iso que lle fai de comer, lávalle e plánchalle a roupa, faille a cama… tódalas súas necesidades cubertas. El págallo como só un da súa caste sabe: gastando todo canto a probe viúva gana e dándolle o pracer de traballar para el. Para iso están as nais, non?

– Vas o enterro meu neno?

– Vou. Non me rompas máis a cabeza co conto mamá.

– Xa non meu neno. Pero tes que ir.

– Que che dixen que xa vou ir!!! Está o xantar?

– Está, meu neno.

Despois de comer, Machirmo dedica o seu tempo a unha das súas actividades favoritas: as mulleres. Whatsapp, Facebook, Twitter, Instagram…. calquera canle lle val para contactar coas féminas coas que ligou durante a fin de semana. Básico como el é, valora unha muller en canto a facilidade que lle ofrece para abrila de pernas. Serven para algo máis? Non. O resto xa llo fai súa nai.

Invirte un par de horas en amañarse para ir o enterro. A misa fáiselle eterna, iso que non cala. A fin de semana foi intensa e ten moito que contarlle ós seus colegas. Rematada a liturxía, hai que proceder co enterro.

Machirmo séntese incómodo de súpeto. No cadaleito vai Jennifer, 19 anos. Unha rapaza fermosa. Tivera varios encontros con ela e vaia se o pasara ben. Pero coma con el andivo con moitos. Un vídeo máis que íntimo de Jennifer comezou a circular por miles de teléfonos móbiles. Ela non é a única protagonista da cinta, pero o seu compañeiro de cama non ten cara.

O vídeo causou as faladurías da vila e por conseguinte a vergoña da familia enteira. Os pais de Jennifer, criados nos vellos costumes, quixeron someter á rapaza ao enclaustramento. Mais ela non quixo, e quixo que lle dera igual todo aquilo. E saíu a rúa e enfrontouse ó mundo. Quixo gañar, pero non. Foi repudiada por todos. As amizades non eran tal. Foi sumida na humillación cada vez que se presentaba nunha entrevista de traballo. O escarnio foi o único trato que atopou por parte de calquera ser humano.

Tanto tiña saber por que o vídeo saíra á luz. Non importaba quen fora o desgraciado que difundira o vídeo. Para que buscar un home sen rostro? Podía ser calquera. Andaba con tantos… Ata puido ser ela mesma. A xente é amiga de falar e pouco de comprender máis alá dos seus prexuízos.

Dous metros de corda e a viga do palleiro foron suficientes para que Jennifer desertara de vivir nun mundo tan mesquiño.

Machirmo cumpriu co deber de dar o pésame aos desconsolados pais da rapaza. Feito o trámite, arrincou cara ó coche. Xa sentado, co móbil na man, premeu o «Play». Alí estaba Jennifer, como máis lle gustaba, aberta de pernas. Rematado o vídeo, abre o menú de opcións e preme en «Borrar».