Unha expresión que se lle escoita de cote ós vellos -e ós que non o son tanto- é a de «algo faría…». Confeso que a odio. Detéstoa porque en máis dunha ocasión trata de buscar explicación no inexplicable. Algún alcalde xa o ten dito con moi pouca fortuna e levou moito menos escarmento do que a xuizo de quen escribe estas liñas mercía. Pero ese é outro tema.

Onte aconteceu, unha vez máis, o inexplicable. Uns fulanos entran na redacción dunha revista –Charlie Hebdo– e matan a tiros a tódolos que atopan ó seu paso. Incluso nos deixan o terrible momento da execución a sangue frío dun policía en plena rúa que os medios de comunicación non dubidarán en repetir en bucle como se dun Vine se tratase. Nada agradable e que na miña opinión pouco aporta e nada explica.

Triste que nesta sociedade na que temos o teclado moi á man, a virulencia dos nosos pensamentos máis viscerais non tardan en ser sementados nese verxel de intercambio de pensamentos e inmundicia que poden chegar a ser as redes sociais. «Vamos a echarle la culpa a esos moros de mierda» sería un bo resumo da semente de odio que está tratando de florecer na rede. Leña no lume e pouca vontade para buscar no fondo do asunto. Hai que sacar réditos de onde sexa, verdade Marine?

Onte romperon á metade moitos lápices. Lápices brillantes e valentes. Lápices que inspiran a moitos e a moitas. Os lápices romperon pero ós anacos pódeselle volver a quitar a punta.

Simplemente darlle o meu recoñecemento ó labor humorístico e xornalístico a eses valentes que onte perderon a vida por un dos dereitos máis fundamentais, que está por enriba de calquera fundamentalismo teña a orixe que teña, a liberdade de expresión.

Algo farían, si. Facían rir e facían pensar. Facían humor, facían xornalismo, facían sociedade. Graciñas, compañeiros

#JesuisCharlie